Asemblea pola Unidade, ou pola continuidade

Veñen as eleicións, e a autodenominada Asemblea pola Unidade convocou aos cangueses para decidiren se presentarse ás eleicións como agrupación, partido, coalición. Disque son a unidade da esquerda, a oportunidade de renovación das vellas glorias e a democracia real asamblearia, así que alí fun, a ver que se cocía.

 A súa crónica da asemblea

Xa antes preguntei que pensaban os promotores da posibiliade de non remunerar aos políticos (imposible, teñen que adicar moito tempo a falar cos veciños e preparar as propostas, o seu salario “máximo ser´adúas veces o Salario Mínimo Interhttps://asembleapolaunidade.wordpress.com/2015/03/07/a-asemblea-pola-unidade-bota-a-andar-para-unir-a-toda-a-esquerda/rofesional”) e acerca converter as institucións comunitarias existentes en soberanas (están manipuladas, faremos grupos de traballo para telos en conta, “asemblea terá en conta as demandas da sociedade organizada en colexcivos”) e a política sobre o rural (xa se decidirá, hai un grupo de traballo facendo o programa).

 O seguemento no Faro

A voz cantante está constituída por xente moza que andivo ligada a Fpg, CUT e Anova, aínda que din que son independentes de todo, outros son xente moza sen vínculos políticos coñecidos. Saíronse de aí por falla de renovación e ideas novas! Xuntaron o venres pasado a máis de 130 persoas na Asemblea Unitaria, incluíndo tamén aos clásicos de Fpg, EU, Comunistas, CUT. Bueno, os de semprec os que xa organizaran xa a asemblea totalmente definitiva que unificaba as esquerdas en 2011 (Asemblea Canguesa de Esquerdas).

A asemblea e os “clásicos”

Pero a asemeblea radical e totalmente definitiva de unificación das esquerdas, á renovación verdadeira fáiselle unha pregunta durante o evento de presentación, que hai de ACE? A resposta foi que mentres respeiten o asemblearismo, contan con eles e calquera que sexa de esquerdas. A resposta de ACE (alí estaban todos) é que rexéronse sempre por asembleas cidadás abertas. Por tanto están abertos a coalicións, colaboracións ou asociacións coa Asemblea pola Unidade.

Dito isto queda a cuestión de verdade: que carallo ten entón isto de diferente ao que había xa? Renovación? Ou manipulación para aparentar algo novo, que se incorpore xente que pon pegas aos partidos tradicionais. Unha farsa para xuntar mozos facéndoos creer que non están tras unhas siglas, arrastralos cara esas siglas sutilmente. Bueno, hai unha esperanza. Esta asemblea, a súa organización, acaso achega algo novo? Os electos están obrigados a obedecela? o pobo é soberano? Os políticos cobran? As respostas:

Os cargos electos representan á asemblea e defenden as súas decisións. Non hai mandato obrigatorio algún.

O pobo vota… o que propoñen os grupos de traballo. “Isto non funciona se cada un propón o primeiro que lle ven á cabeza” díxose na asemblea. Nin pista de como se decide neses grupos de traballo.

Os políticos cobrarán como máximo o dobre do salario mínimo, que a algún na asemblea pareceulle pouco.

Conclusión: o único que podería diferenciar esta asemblea das precedentes será que haxa democracia directa. Xa houbo asembleas abertas a todos, só para temas puntuais e para votar, non propor ou deliverar. Eran auténticas aclamacións populares.

O principal  interese do PT de Coiro no proxecto estará en tentar influír nas normas que rexen esa asemblea, único camiño para que a iniciativa achegue algo ao Morrazo. Así que, a iso imos, a ver se pode influírse en que a asemblea sexa ferramenta real da democracia directa. Se é máis do mesmo, a outra cousa.

Participa ou cala!

Xa van dúas veces, dous casos graves de polémicas entre biciclistas de montaña e comunidades de montes. A primeira, en Meis, dase a coñecer nos medios cando os comuneiros de Armenteira colocan carteis prohibindo a circulación a bicis, motos e quads polas pistas. O segundo, máis grave cando, supostamente, alguén da comunidade de montes de Valadares coloca unha pedra na zona de aterrizaxe dun salto dun circuito de descenso. Unha persoa partiu catro vértebras, probablemente non volverá andar na vida. De verdade temos que resolver así os nosos conflictos?

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2014/09/06/ciclista-sufre-lesion-medular-caer-trampa-monte-vigo/0003_201409G6P9993.htm

http://www.diariodearousa.com/articulo/o-salnes/meis-armenteira-separa-ciclistas-y-cazadores-carteles-prohibicion/20140816024810082222.html

Os argumentos dos comuneiros  son que molestan as bicis aos cazadores, erosionan ó sairse dos camiños ou simplemente que non teñen dereito a pasar, é terreo dos comuneiros e poden facer o que queiran…. eu que sei. Eu practico mountain bike, estou farto de oír o punto de vista dos ciclistas: TEMOS DEREITO, NON FACEMOS DANO, SOMOS OS PRINCIPAIS DEFENSORES DO MONTE!

http://meis.blogaliza.org/?p=6093

Parece que estes ciclistas só pensan en denunciar, facer valer os seus dereitos, nos abogados e normas para contraatacar; inflando así o conflicto con máis conflicto, e que decidan os xuíces. Evidentemente, o caso do rapaz paralítico, dirimirano os xuíces pero, a partir de agora, que?

Carteles prohibido armenteira /

Respecto ás comunidades de montes, en xeral calquera veciño da parroquia podería participar. Sí, o monte comunal é de todos pero, é lexítimo beneficiarse del e reclamar tantos dereitos sen responsabilizarse na súa xestión?

 Acaso isto non se solucionaría antes, a máis longo prazo se esta xente tan interesada no monte, que di que son os que máis o protexen, participasen nas comunidades de montes? Semella que as comunidades de montes son cousa de vellos e cazadores. Hai que ser conscientes de que os dereitos hai que gáñalos, temos responsabilidades, máis ben privilexios, que deixamos esmorecer: o dereito de participar na xestión do monte a través das comunidades.

Se estes conflictos chegaron tan lonxe débese a que non hai practicamente un só ciclista nunha comunidade de montes porque non hai practicamente un só mozo interesado. Poñer unha pedra que pón en risco unha vida é unha barbaridade. Deixar de lado a xestión do comunal, abandoalo para que un día o estado se apropie e especule con el, tamén o é. Por favor ciclistas, non toca só queixarse senón asumir responsabilidades. Se isto se converte nunha guerra entre veciños, a ver que é máis violento, mal andamos.

 

Saír ben na foto do jodechinchos

O último fin de semán un trío de Jazz improvisa ante medio cento de amigos de tódalas idades, animados na hora do vermú. Estamos na rúa Cega, no corazón do casco vello de Cangas, xunto á rúa Real, arteria que divide a antiga vila dos mariñeiros (o costal) da máis comercial e de armadores (o señal). O concerto organízao o Rincón, unha antiga taberna retomada por xente moza e con ideas propias.

Achégase un trío de jodechinchos* abraiado coa escena. Saca unha cámara de fotos de máis 1000€, tira unha foto de tan magnífico encadre, cos músicos nunha vella e estreita rúa sen saída, a xente nas escadas das casas de patín, á sombra que acolle costas da desordeada vella vila mariñeira …e os jodechinchos marchan coa súa foto sen probar a escoitar, falar, vivir, beber ou entender.

Imaxe Eu non son parte do atrezzo, non son un extra dun espectáculo circense para turistas. Estes veñen e coleccionan imaxes tiradas con complexas máquinas que non saben nin manexar,  para exhibir supermodernidade, consumen postais que non entenden, e aínda nos deberemos preocupamos de se lles parecerá bonito ou non. Se estaremos sendo bos extras para a súa colección de estampas típicas.

Claro que os que din que o turismo é futuro esfórzanse por ter listo o escenario para a representación ante a jodechinchada. As leis urbanísticas, de comportamento, horarios, sobre usos e construcións só se preocupan desas estampas, de eliminar o feísmo, de proclamar a uniformidade, de fomentar o tipismo, o enxebrismo, o decorado para o noso público pasaxeiro. Haberá manuais de arquitectura da Xunta que, igual que co idioma, nos dirán cal é o xeito, o único e homoxéneo de Galicia para facer as cousas. Que máis ten o que é útil, para que sirve ou como, a súa historia, hai que estar listo para a representación: fora jalpóns, abaixo os somieres, tapade os ghaliñeiros e non poñades a man na casa, é inviolable a obra mestra do arquitecto, o color das fiestras, o material das portas, o que colgues da fachada, a cor das cortinas… un dous tres, acción, todos quietos, van facer unha foto!

Imaxe

Valemos como modelos, nada máis do que produzamos está a altura. Ao servizo dos que van viaxar para coleccionar, acumular e consumir cousas, sitios, fotos, traxectos. Eles non teñen nada que entender ou aprender destas sociedades atrasadas, allea á súa racional e saudable urbe chea de queixóns onde vivir, servizos, negocios e franquicias. Non hai que achegarse aos indíxenas porque eles porque non razonan, mesmo pensan que hai razóns para estar apegado á terra, negarse a intercambiar un barrio por outro, a desfacerse dos bares de sempre. Pechade as orellas, facede a foto e coleccionade máis estampas das próximas tribus a exterminar por improdutivas!

*No Morrazo o jodechincos sempre foi como se chamou, con máis ou menos cariño, a calquera que ven de fora e turisteo. Máis detalles no disionario morasense-jodechincho.

Mercado ecolóxico de Bueu

Esta fin de semán pasada celebrouse un mercado ecolóxico en Bueu. Tampouco é que este tipo de iniciativa lles vaia arranxar a vida ós produtores do Morrazo porque, en xeral, o seu principal problema non é de comercialización (sobra demanda) senón de terreos, carísimos por culpa da especulación.

Hai bastantes produtores no Morrazo, proba delo é que a maioría dos expositores eran da nosa bisbarra. É de valorar o esforzo de implicar á hostalaría, facendo un roteiro ecolóxico de tapas polo concello. Pero é penoso que no Faro de Vigo denominen o ecolóxico un “boom”, como se fose unha acción de marketing da última canción de Melendi.

http://www.farodevigo.es/portada-o-morrazo/2014/07/07/ecologico-llega-estomago/1053873.html

Isto recórdame unha conversa recente co meu pai, que leva toda a vida plantando na horta. Dicía que lle parecía que o ecolóxico era unha farsa, que é imposible que saian adiante tomates, vides e millo sen plaguicidas, sulfato e herbicidas. Está convencido de que os do ecolóxico minten. Bueno, con este tipo de tratamento xornalístico, do ecolóxico como unha cuestión de imaxe cool, é doado de comprender esa postura.

Deixo tamén aquí un artigo interesante e práctico sobre unha actividade do mercado ecolóxico. Vai do uso de herbas ventureiras, das que se atopan no monte, para facer unha ensalada, ou máis cousas. Ao noso arredor hai máis riqueza da que nos imaxinamos!

http://montepituco.wordpress.com/2014/07/06/chamanlles-malas-herbas-pero-non-son-tal/

* a foto de arriba procede tamén do blog montepituco.wordpress.com

As arterias de Coiro

Anda o Alcalde a facerlle as beiras aos veciños da estrada que sube de Cangas por Verín. Pasa polo colexio ata a parte de arriba de Coiro, diante do cemiterio, centro sociacultural e a igrexa principal (http://www.farodevigo.es/portada-o-morrazo/2014/07/02/cien-acuerdos-avenida/1051223.html). Enseguida de se notou que os favores só eran aos seus amighos e que vai xerar máis conflictos que outra cousa. http://www.farodevigo.es/portada-o-morrazo/2014/07/05/ace-denuncia-desvio-eje-vial/1053051.html

Dáselles por chamarlle vía principal, arteria ou eixo vertebrador. Seríao se só pensásemos que o único que lle interesa á xente de Coiro é fuxir a Cangas, e facelo só en coche. Por suposto, enchen a boca coa verba seguridade, principalmente dos nenos, a modernidade e participación veciñal. Isto último é mentira porque o proxecto está feito e decidido, só nos informan aos veciños ou negocian facéndose pasar por benefactores, á antigua usanza dos caciques como se fixesen un favor, cando están facéndoo cos nosos cartos. Só falan cos veciños para que saian máis baratas as cesións e expropiacións para anchear a estrada, pero sobre todo para facelo cara o lado no que non tocan as propiedades dos seus amiguiños.

Dan por feito que é a estrada principal, da que saen outras secundarias, como ramificacións que xurdiron a partir desa. Pero a realidade é que todo Coiro é unha arañeira desordeada de pistas, froito dunha urbanización que sempre foi dispersa. Esa vía é o resultado de ir unindo, entrelazando trozos doutras preexistentes. Isto explica que non pase por algúns dos núcleos máis antigos, as dúas curvas de 90º coas que nos atopamos e curvas que teñen unha alternativa en liña recta, que resulta ser un cruce polo que deixas a estrada principal. A maioría destes cruces saen aos dous lados, porque son vías preexistentes e cruzadas perpendicularmente. Vese ben neste mapa, a estrada vai pintada de azul.

https://mapsengine.google.com/map/edit?mid=zt4ndJnlCRlY.kbFOG6l1q42Y

Por outra banda, anchear a vía, engadir beirarrúas e arcéns aumentará a velocidade e a inseguridade. É totalmente innecesario para unha vía duns 2,5 km pouco transitada onde hai cruces perigosos cada 100 metros, e casas de forma continuada. A maioría destes cruces están en curvas sen visibilidade (en realidade explícase porque aí a vía principal cambia o trazado dunha antiga pista a outra).

Visto isto, sería de máis interese pensar antes en peóns, tractores, bicicletas, cabalos ou calquera forma de mobilidade lenta, ecolóxica, barata e con futuro. Despois de todo, ir a pé dun extremo a outro da parroquia non leva máis dunha hora. E se temos en conta que o colexio de Castrillón está no centro, só ocupará media hora de desprazamento a pé como máximo. A maioría dos desprazamentos son ás leiras, igrexa, cemiterio, centro sociocultural, tabernas, futura piscina, área recreativa do muíño de fausto, casa museo da Mangallona, ó monte…. Calquera sitio ao que ir non precisa da estrada principal máis que para cruzala Por tanto eses cruces son o único problema de seguridade, e aumentar a velocidade aumentará o risco.

Bueno, hai unha excepción. Hai un sitio importante que obriga a percorrer un tramo de estrada. É un edificio relativamente moderno que precisa facer os últimos 100 mts pola estrada, tanto a quen ven dende arriba como de abaixo: é o colexio de Castrillón. Ese colexio construíuse despois das vías, seguramente tapou algún camiño que pasaba por alí xa que hai un que ven de frente, dende o Espíritu Santo e pasando polo Barreiro. Per resulta que hai unha carreiro, case sempre tapado por silveiras e herba, que vai dende o cemiterio ata Castrillón e ten un ramal á Rosada. O camiño pasa xusto por detrás do colexio. No mapa está pintado de vermello. Manter ese carreiro e abrir un portal traseiro de entrada ó colexio soluciona o problema.

Entrada superior, dende o cemiterio:

CAM00859Portal traseiro do colexio

CAM00857

 

Entrada inferior no carreiro do colexio:

CAM00858

 

Por tanto, a nosa proposta é arranxar o camiño, abrir o portal de detrás do colexio e dar preferencia nos cruces das pistas aos que cruzan e non ós coches. Non se trata de asfaltar, expropiar ou urbanizar. Só propoñemos mantelo limpo, asentar o chan cheo de buracos e abrir o portal de detrás do colexio, nada máis!

É preciso reducir a velocidade e non aumentala. Os badéns nos cruces, que terán todos pasos de peóns e vehículos lentos é a solución ideal e non tonterías como poñer espellos (xa hai varios) e darlle chalecos amarelos con publicidade da Xunta ás señoras que van a misa. Desta forma o sistema radial de comunicación volverá a ser a orixinal arañeira que comunicaba todos os lugares da parroquia.

Todo isto ben inspirado polo proxecto “camiños seguros” http://www.caminhosseguros.com/, que deseñou propostas semellantes para todo o Morrazo. Isto é unha aplicación inmediata e práctica da súa idea. Desta forma só unhas pouquiñas casas arredor da estrada precisarían poñer o pé nesta estrada.

É tempo de pensar que os nenos poden camiñar polas pistas, coñecer e o seu contorno. Pódese favorecer as relación veciñais, aumentar a seguridade e coidar o noso contorno sen paletadas desarrollistas. A rede de pistas e sendeiros son espazos de mobilidade, intercambio, xogos e vida. Esas son as verdadeiras arterias de Coiro.

Nós ofrecémonos voluntarios para o mes de Setembro, antes de que comecen as clases facer unha camiñada. Ir do colexio ata os extremos da parroquia sen percorrer un só centímetro desa vía tan importante para a seguridade dos nenos.

Como peixiños na piscina

A piscina municipal de Cangas xa podía estar chea, se emborcamos dentro os cartos gastados nela. Xa sabedes, é ese mamotreto infame con presunta forma de balea que quedou a medio rematar na parte baixa de Coiro, en Verín. Estrágase co tempo azoutada por vento e chuvia todo o ano, sen cristais, nin portas, nin paredes. Semella que estes días arrancouse de novo a máquina de queimar billetes. Resumindo, o proceso kafkiano da súa construción é este:

CAM00850

En 2006, en pleno boom inmobiliario, o concello recauda 1,5 millóns a través de varios convenios urbanísticos, de urbanizacións en Aldán e Massó. Vende Cangas ás inmobiliarias, deixando expropiar sen interese público e construír  saltándose as regras que se aplican aos normais. O concello declara que destinará os cartos exclusivamente a equipamentos, á piscina con forma de balea, que custaría 1,8 millóns. Previamente págase 60.000 no concurso de ideas de arquitectos. O que faltaba aportaríao a Deputación. Tras cerca dun ano de construción, Movex Vial abandona a obra por non ter cobrado nada, reclamando unha débeda aproximada dun millón de euros. O concello declara que non ten un peso, o millón e medio dos convenios esfumouse. Xa este ano, tras 7 anos parada, sácase un concurso doutros 70.000 para facer un proxecto, só o proxecto, de remate da obra. Calcúlase que rematala custa 2 millóns máis de euros. Mentres tanto, séguese debendo un millón a Movex.

A teima consiste en crear un equipamento que é tamén un fito arquitectónico, unha obra megalómana para pasar á historia como mesías do pobo. Mentres se venden ou regalan os mellores terreos a empresas, o concello destina á piscina un lugar que nin é céntrico, nin está ben comunicado nin ten transporte público. Tampouco o terá no futuro,  ó estar rodeado de pistas estreitas que seguen o trazado das casas desordeadas. Mandaron a piscina ó medio dunha aldea.

CAM00849

Supoñendo que sexa deber do concello promover o deporte, que non deixa de ser un simple entretemento, un ocio consumista, repetitivo e improdutivo. Aínda que estea de moda ou o noso soño sexa un neno estrela do deporte. Aínda que non se nos ocurra mellor forma de estar sans que ir en coche a “estar activos”:  é precisa unha piscina, por cara que sexa? Sempre se xogou, correu, ciclou en calquera campo, campeiro, pista, leira ou explanada. En canto aos maiores, só é ocio pasivo e inútil. Anda que non hai cousas que facer! Mellores que dar voltas como un peixiño e tragando produtos químicos.

CAM00852

Nenos activos en vez de soldadiños en actividades organizadas e dirixidas que reforzan o rol pasivo e obediente que xa lles insiren con forza na escola. Xa lles chega de horarios e presión, o que precisan é máis familia, máis veciños e máis amigos. Se lles aprendemos a relacionarse só mediante ocio consumista, mal vamos.

Deixemos aos chavales libres polas rúas ás tardes. Que utilicen a imaxinación, que se socialicen e non que vaian a formar en fileiras mentres se lles ordena e clasifica, esíxeselles facer o movemento perfecto e obrígalles a competir incansablemente e a especilizarse e así ser máis produtivos, obedientes e disciplinados. Miña veciña do primeiro vai á piscina privada, pero baixa esa planta no ascensor. Quere coidarse e estar sana ou consumir ocio, un que lle faga pensarse máis sofisticada?

Correr libre polo monte e as pistas é máis sano e educativo que moverse en coreografías militares para especializar, alienar e confundir a cooperación coa competividade, a comunidade coa sociedade individualista hiperespecilizada. Moito mellor xogar creando as súas propias normas e descubrir o mundo coas mans que encerrarse na piscina a participar do circo adoctrinador do exército de masas consumidoras. Mellor que axuden na casa e aprendan de país e avós que aillalos da educación informal, que se crean máis listos ca familia, que a desprecen e sexan uns auténticos ignorantes.

Contra a autovía do Morrazo

Aí veñen de volta, a facer buraco e botar cemento no monte do Morrazo. Seica por interese xeral. Estase a licitar o desdobramento do Corredor do Morrazo, convertela en autovía. Como ben sabedes xa é unha millonaria estrada que corta a comarca, que a fende sen piedade polos montes nin atenuantes da desfeita, dende Vilaboa a Aldán.

Coiro, no medio, dispón da maior (ou única) fraga do Morrazo, un ben de valor incalculable que será de novo mutilidado.

corredor1

A forma de licitación xa é grotesca. Fan unha enorme e magnífica obra (a falta de ninguna idea mellor) pero non hai cartos nin os haberá. Constrúea gratis unha empresa privada á que lle pagarán ano a ano unha peaxe calculada sobre a circulación mentres dure a concesión. Ocúltase así o custe e se gástase o noso futuro. É simulación de desarrollismo, de que crecemento ilimitado funciona, é o sistema que usa habitualmente a Xunta. A licitación retrasouse varias veces. Poida que as empresas interesadas non teñan claro que haberá un nivel de tráfico suficiente para que sexa rendible, quizais non só os apocalípticos sexamos os únicos que preveamos unha redución do uso do coche privado debido á escaseza e encarecemento da enerxía. Bueno, haberá cláusulas para compensar, tranquilos.

Hai que expropiar bens, moito monte (case sempre rexido comunalmente) polo ben común (decidido polos defensores dos intereses dos veraneantes). Bueno, poida que non creades no inevitable peak oil, e unha redución drástica do uso do transporte. Poida que pechedes os ollos ante a crecente emigración de Galicia, nula natalidade e vacío do rural, que fai que non haxa máis poboación para crecer. Quizais aceptedes o supostamente inevitable proceso de centralización de servizos… nos cintos que circunvalan as cidades e curiosamente esixen máis estradas, cuxo gasto xustifica a necesidade de reducir inversión neses servizos que se centralizan.

FARO MORRAZO

Pois ben, pechamos os ollos ás evidencias e así só podemos concluír que esa autovía non vale para nada! É unha obra inútil.

Só hai atascos uns poucos días ó ano, sempre durante horas punta de acceso ás praias ou por accidentes. Por tanto:

–          Seguirá habendo accidentes, seguirá habendo atascos.

–          A vía actual é tan segura como calquera estrada nacional de dous carrís limitada a 90. Moito máis segura ca estas se consideramos que non ten accesos a vivendas, pasos de peóns, fincas nin nada de nada.

davila141211b

–          Cando se chega por fin á parroquia de Aldán e do Hío (destino praias) chégase a unha rede de pistas rurais estreitas, caóticas,  por onde colle un coche, sen aparcamentos e con casas desordeadas e dispersas, é socialmente inviable aplicar melloras significativas. Quen crea que a Autovía do Morrazo elimina os atascos, está de acordo en eliminar dunas e piñeiros das praias, quitar casas do medio, encher os accesos de rotondas e circunvalacións, de inmensos aparcamentos. Para pagalo, prohíbense os leira-parking, bares, chiringuitos e furanchos, cambiándoos por outros privados, franquiciados e en exclusiva, permitindo encher de casas e hoteis toda a liña costeira convertendo a costa do Morrazo nunha cidade temática vacacional. Esta evolución vai implícita para que a Autovía (que atraerá máis visitantes) consega eliminar os atascos. Alguén presentou así de clariña esa evidencia?

Conclusió, a autovía é destrución e privatización do público e do comunitario, e converternos en servís traballadores temporais para o turismo.

Só mais um site Mancomunidade sites