CAM00852

Como peixiños na piscina

A piscina municipal de Cangas xa podía estar chea, se emborcamos dentro os cartos gastados nela. Xa sabedes, é ese mamotreto infame con presunta forma de balea que quedou a medio rematar na parte baixa de Coiro, en Verín. Estrágase co tempo azoutada por vento e chuvia todo o ano, sen cristais, nin portas, nin paredes. Semella que estes días arrancouse de novo a máquina de queimar billetes. Resumindo, o proceso kafkiano da súa construción é este:

CAM00850

En 2006, en pleno boom inmobiliario, o concello recauda 1,5 millóns a través de varios convenios urbanísticos, de urbanizacións en Aldán e Massó. Vende Cangas ás inmobiliarias, deixando expropiar sen interese público e construír  saltándose as regras que se aplican aos normais. O concello declara que destinará os cartos exclusivamente a equipamentos, á piscina con forma de balea, que custaría 1,8 millóns. Previamente págase 60.000 no concurso de ideas de arquitectos. O que faltaba aportaríao a Deputación. Tras cerca dun ano de construción, Movex Vial abandona a obra por non ter cobrado nada, reclamando unha débeda aproximada dun millón de euros. O concello declara que non ten un peso, o millón e medio dos convenios esfumouse. Xa este ano, tras 7 anos parada, sácase un concurso doutros 70.000 para facer un proxecto, só o proxecto, de remate da obra. Calcúlase que rematala custa 2 millóns máis de euros. Mentres tanto, séguese debendo un millón a Movex.

A teima consiste en crear un equipamento que é tamén un fito arquitectónico, unha obra megalómana para pasar á historia como mesías do pobo. Mentres se venden ou regalan os mellores terreos a empresas, o concello destina á piscina un lugar que nin é céntrico, nin está ben comunicado nin ten transporte público. Tampouco o terá no futuro,  ó estar rodeado de pistas estreitas que seguen o trazado das casas desordeadas. Mandaron a piscina ó medio dunha aldea.

CAM00849

Supoñendo que sexa deber do concello promover o deporte, que non deixa de ser un simple entretemento, un ocio consumista, repetitivo e improdutivo. Aínda que estea de moda ou o noso soño sexa un neno estrela do deporte. Aínda que non se nos ocurra mellor forma de estar sans que ir en coche a “estar activos”:  é precisa unha piscina, por cara que sexa? Sempre se xogou, correu, ciclou en calquera campo, campeiro, pista, leira ou explanada. En canto aos maiores, só é ocio pasivo e inútil. Anda que non hai cousas que facer! Mellores que dar voltas como un peixiño e tragando produtos químicos.

CAM00852

Nenos activos en vez de soldadiños en actividades organizadas e dirixidas que reforzan o rol pasivo e obediente que xa lles insiren con forza na escola. Xa lles chega de horarios e presión, o que precisan é máis familia, máis veciños e máis amigos. Se lles aprendemos a relacionarse só mediante ocio consumista, mal vamos.

Deixemos aos chavales libres polas rúas ás tardes. Que utilicen a imaxinación, que se socialicen e non que vaian a formar en fileiras mentres se lles ordena e clasifica, esíxeselles facer o movemento perfecto e obrígalles a competir incansablemente e a especilizarse e así ser máis produtivos, obedientes e disciplinados. Miña veciña do primeiro vai á piscina privada, pero baixa esa planta no ascensor. Quere coidarse e estar sana ou consumir ocio, un que lle faga pensarse máis sofisticada?

Correr libre polo monte e as pistas é máis sano e educativo que moverse en coreografías militares para especializar, alienar e confundir a cooperación coa competividade, a comunidade coa sociedade individualista hiperespecilizada. Moito mellor xogar creando as súas propias normas e descubrir o mundo coas mans que encerrarse na piscina a participar do circo adoctrinador do exército de masas consumidoras. Mellor que axuden na casa e aprendan de país e avós que aillalos da educación informal, que se crean máis listos ca familia, que a desprecen e sexan uns auténticos ignorantes.

Uma opinião sobre “Como peixiños na piscina”

Deixe uma resposta

O seu endereço de email não será publicado Campos obrigatórios são marcados *

Você pode usar estas tags e atributos de HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>