Saír ben na foto do jodechinchos

O último fin de semán un trío de Jazz improvisa ante medio cento de amigos de tódalas idades, animados na hora do vermú. Estamos na rúa Cega, no corazón do casco vello de Cangas, xunto á rúa Real, arteria que divide a antiga vila dos mariñeiros (o costal) da máis comercial e de armadores (o señal). O concerto organízao o Rincón, unha antiga taberna retomada por xente moza e con ideas propias.

Achégase un trío de jodechinchos* abraiado coa escena. Saca unha cámara de fotos de máis 1000€, tira unha foto de tan magnífico encadre, cos músicos nunha vella e estreita rúa sen saída, a xente nas escadas das casas de patín, á sombra que acolle costas da desordeada vella vila mariñeira …e os jodechinchos marchan coa súa foto sen probar a escoitar, falar, vivir, beber ou entender.

Imaxe Eu non son parte do atrezzo, non son un extra dun espectáculo circense para turistas. Estes veñen e coleccionan imaxes tiradas con complexas máquinas que non saben nin manexar,  para exhibir supermodernidade, consumen postais que non entenden, e aínda nos deberemos preocupamos de se lles parecerá bonito ou non. Se estaremos sendo bos extras para a súa colección de estampas típicas.

Claro que os que din que o turismo é futuro esfórzanse por ter listo o escenario para a representación ante a jodechinchada. As leis urbanísticas, de comportamento, horarios, sobre usos e construcións só se preocupan desas estampas, de eliminar o feísmo, de proclamar a uniformidade, de fomentar o tipismo, o enxebrismo, o decorado para o noso público pasaxeiro. Haberá manuais de arquitectura da Xunta que, igual que co idioma, nos dirán cal é o xeito, o único e homoxéneo de Galicia para facer as cousas. Que máis ten o que é útil, para que sirve ou como, a súa historia, hai que estar listo para a representación: fora jalpóns, abaixo os somieres, tapade os ghaliñeiros e non poñades a man na casa, é inviolable a obra mestra do arquitecto, o color das fiestras, o material das portas, o que colgues da fachada, a cor das cortinas… un dous tres, acción, todos quietos, van facer unha foto!

Imaxe

Valemos como modelos, nada máis do que produzamos está a altura. Ao servizo dos que van viaxar para coleccionar, acumular e consumir cousas, sitios, fotos, traxectos. Eles non teñen nada que entender ou aprender destas sociedades atrasadas, allea á súa racional e saudable urbe chea de queixóns onde vivir, servizos, negocios e franquicias. Non hai que achegarse aos indíxenas porque eles porque non razonan, mesmo pensan que hai razóns para estar apegado á terra, negarse a intercambiar un barrio por outro, a desfacerse dos bares de sempre. Pechade as orellas, facede a foto e coleccionade máis estampas das próximas tribus a exterminar por improdutivas!

*No Morrazo o jodechincos sempre foi como se chamou, con máis ou menos cariño, a calquera que ven de fora e turisteo. Máis detalles no disionario morasense-jodechincho.

Uma opinião sobre “Saír ben na foto do jodechinchos”

  1. Vai uns días fun dar unha volta polas Cies….., E comentou o rapaz que nos falaba da historia das Cies…… “-Cada verán sempre aparece algún por Cangas preguntando en pluscuamperfeuto injlés polo CABO “JOM” (cabo Home) na PARROQUIA DE “OJAIO” (o Hio).

Deixe uma resposta

O seu endereço de email não será publicado Campos obrigatórios são marcados *

Você pode usar estas tags e atributos de HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>